Novas denuncias de axentes de Policía Local de Lugo polas multas de tráfico
Quéixanse de que o seu salario depende en parte de se poñen máis ou menos sancións
Dende a Policía Local matizan e recoñecen que a metade do soldo varía segundo os obxectivos, pero negan que sexa exclusivamente por impoñer multas
Algúns axentes da Policía Local de Lugo denuncian que cobraron menos por non chegar a un número determinado de sancións. Un deles é Manuel, que acaba de xubilarse.
"A Policía Local de Lugo cobra máis por denunciar? A realidade é que deixan de cobrar se non o fan", denuncia José Manuel Abelairas, policía local de Lugo recentemente xubilado.
As queixas xorden polo novo modelo que avalía a produtividade dos axentes.
"Sancionar, sancionar e sancionar, creouse unha unidade de sanción, unha unidade móbil na quenda de maña e de serán que só saía a ese cometido", explica Abelairas.
Concello delega o asunto na xefatura da Policía Local, que hai uns días negaba o aumento de sancións.
"Trasladar á cidadanía que estea tranquila, ningún axente que estea traballando na rúa se dedica a sacar fotos de forma indiscriminada para cobrar o complemento de produtividade", di Adrián Prieto, inspector adxunto á xefatura da Policía Local de Lugo.
Pero si recoñecían unha variabilidade no soldo segundo os obxectivos, entre os que está sancionar.
"O 50 por cento é por asistencia ao traballo e o outro establécese en función duns principios de actuación do posto de traballo, que cousas ten que facer un policía local", engade o inspector Adrián Prieto.
Os axentes denuncian que o novo sistema non ten en conta funcións esenciais policiais, como a seguridade ou a prevención.