Veciños do barrio coruñés do Martinete evitan a ocupación dun edificio abandonado
Sobre este edificio inacabado hai unha orde de derrubamento
Os veciños do barrio coruñés do Martinete impediron esta semana que un grupo de persoas ocupara un edificio deshabidato na zona. Critican o desleixo do Concello co barrio, onde hai outro inmoble que quedou a medio construír e se converteu en refuxio de toxicómanos e indixentes que xeran un ambiente insalubre e de inseguridade no barrio. Piden que se derrube.
Tras a crise do 2008 estes dous edificios, un rematado e outro a medio construír, quedaron abandonados na rúa Luís Peña Novo, no barrio do Martinete. Desde entón a estrutura inacabada converteuse en refuxio de toxicómanos e indixentes, que derivou en problemas de inseguridade e delincuencia na zona.
Os veciños están permanentemente alerta e esta mesma semana lograron impedir que un grupo de persoas ocupara o edificio abandonado que si está habitable. No edificio xa se produciu algún accidente porque tamén acoden mozos a practicar parkur, co conseguinte risco.
Sobre este edificio inacabado hai unha orde de derrubamento. Os veciños piden que o Concello a execute e que adopte medidas para que o barrio recupere a tranquilidade.
Mentres, a maleza segue medrando na contorna do edificio e o lixo xerado polos eventuais inquilinos amoréase no interior provocando mesmo a proliferación de ratas.