Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ganderías que apostan polo envasado e venda directa da súa produción de leite

Ganderías que apostan polo envasado e venda directa da súa produción de leite

No caso de Quintián, distribúen ao mes unha media de 30.000 litros de leite pasteurizado

A granxa tamén elabora queixos, que non deixan de recibir premios internacionais

Félix Aragunde 11/12/2023 13:48

A Gandería Quintián, no concello lugués do Páramo, é unha das poucas que decidiron apostar pola venda directa dos seus propios produtos.

A granxa conta cunhas 60 cabezas de gando, que dan unha media de 60.000 litros mensuais. Coa sexta parte, fabrican varios tipos de queixos, que non deixan de recibir premios internacionais.

"Este ano participamos no World Cheese Awards en Noruega, e obtivemos unha medalla de prata con Néboa, un queixo de pasta branda. Co Mourelo, coma meu avó, gañamos un bronce. E no Concurso Internacional de Lión, en Francia, o ouro", conta Chelo López, gandeira.

Nesta explotación láctea de Friolfe compaxinan a fabricación de queixos coa venda de leite fresco. Reparten uns 30.000 litros ao mes, que son distribuídos por Lugo e por Sarria de luns a venres.

O premiado Mourelo é un dos queixos que elaboran na granxa paramesa O premiado Mourelo é un dos queixos que elaboran na granxa paramesa

A maior parte deste leite pasteurizado vai dirixido aos mercados locais, aínda que tamén envían parte da produción a outras comunidades. Neste caso, fano unha vez á semana e en transporte refrixerado, obtendo deste xeito un maior rendemento económico polo seu traballo.

"Empezamos porque a situación, cos prezos que pagaba a industria, era insostible. Os gandeiros galegos en xeral temos un produto de moi boa calidade, pero está infravalorado. Decidimos pechar o ciclo e poñer nós o prezo, e a experiencia foi boa", explica Julio López, gandeiro.

Así e todo, o 40 por cento da produción desta explotación segue a ser vendido á grande industria, cunha ganancia moito menor por cada litro de leite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade