A partir dos 50 anos da súa construción, os edificios deben pasar unha 'ITV'
Os arquitectos técnicos de Galicia apelan á necesidade de conservar e rehabilitar, e subliñan a responsabilidade dos propietarios
O desprendemento dun beiril na Coruña é un dos últimos exemplos. Parece que foi pola a corrosión da viga de ferro no interior do formigón, desgastado polo salitre.
"Unha vez que se detecta unha patoloxía coma esta hai que facer que os propietarios a arranxen o antes posible", subliña Víctor Manuel Porto, o responsable do gabinete técnico do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña.
E senón, di, debe intervir a Administración. Non hai que remexer moito nos arquivos para atopar derrubamentos de edificios en mal estado noutras cidades: Vigo, Ferrol, Ourense ou Santiago. Lembran os aparelladores que todos os edificios deben pasar o que popularmente se denomina a 'ITV' da edificación.
"Entendemos que o informe de avaliación de edificios é unha maneira de acreditar e facer cumprir aos propietarios a súa obriga de mantemento. Se lle chega a pasar algo a unha persoa habería que ver ata que grao hai responsabilidades", explican.
Porque ás veces hai vítimas, como as seis que morreron en 2009 anos en Palma, outras só danos. Pero sempre o abandono supón unha redución do parque de vivenda.
"Para recuperar ese parque de vivenda nós entendemos que é fundamental rehabilitar. Os centros históricos e non históricos. Todos os edificios que sexan susceptibles de habitación deben ser rehabilitados", declarou Víctor Manuel Porto, o responsable do gabinete técnico do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña.
Aínda que hai axudas dos concellos ou do Instituto Galego da Vivenda e Solo, algúns cidadáns piden normas menos ríxidas.