Campaña piloto para vacinar menores contra a gripe nas fins de semana
A proba, que se desenvolve en Santiago, podería trasladarse a outras áreas sanitarias
Santiago acolleu este sábado unha proba piloto para vacinar contra a gripe poboación infantil de seis meses a cinco anos durante as fins de semana. A experiencia, que se levou a cabo no Clínico, podería trasladarse a outras áreas sanitarias se o resultado é positivo.
As familias dos 6.000 cativos desa franxa de idade da área sanitaria de Santiago recibiron ou recibirán unha mensaxe convidándoos a que pasen polo Clínico. A campaña arrancou o día dez de outubro.
Galicia é a primeira comunidade en situar este grupo como poboación diana. Ata agora un 27 % deles recibiron a primeira dose e o obxectivo é chegar ao 60 %. Trátase de evitar contaxios de menores a persoas vulnerables.
As urxencias pediátricas están estes días saturadas por mor de virus respiratorios que agroman logo da retirada das máscaras e do aumento da interacción social. Preocupa a acción da bronquiolite, que nos casos graves precisa ingreso hospitalario.
Segundo as previsións, o pico desta doenza aínda non chegou. Con todo, dende o Sergas confían en que se alivie a presión a medida que avance a acción da vacina da gripe.
