Publicador de contidos

Publicador de contidos

UXT denunciará na Inspección de Traballo o mal estado dos xulgados de Noia

UXT denunciará na Inspección de Traballo o mal estado dos xulgados de Noia

Colapsa parte do teito da oficina dos procuradores debido á chuvia

G24.gal 12/01/2023 16:41

O sindicato UXT denunciou este xoves o mal estado do edificio xudicial de Noia despois de que se esborrallara "parte do teito dunha das dependencias xudiciais do edificio xudicial", polo que prevén acudir á Inspección de Traballo.

Este colapso prodúcese despois de que hai uns anos no despacho dunha maxistrada tamén se derrubase en bloque o teito e tamén o falso teito da escaleira do edificio.

Como consecuencia do mal estado do edificio producíronse filtracións de auga que ocasionaron danos importantes na oficina de procuradores, chegando a quedar completamente inutilizada unha impresora sobre a que literalmente choveu.

Todo iso, indican nun comunicado, mentres que “as obras acometidas ata o momento deixan moito que desexar dado que as humidades volveron a aparecer en menos dunha semana”.

"O edificio xudicial de Noia incumpre de forma flagrante a normativa sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde que deben dispoñer os lugares de traballo en canto ás condicións construtivas, orde, limpeza e mantemento, sinalización, instalacións de servizo ou protección, condicións ambientais, servizos hixiénicos e locais de descanso, e material e locais de primeiros auxilios”, asegura o sindicato.

Critican que a pesar de coñecer a situación, a Xunta non realizase ningunha actuación para garantir a seguridade dos traballadores e dos cidadáns, limitándose a contestar que se respectan as normas existentes.

Por tanto, UXT prevé interpoñer nos próximos días as correspondentes denuncias ante a Inspección de Traballo e outros organismos fiscalizadores, “sendo en todo caso responsabilidade da Xunta de Galicia todos os danos e prexuízos que se poidan ocasionar do grave incumprimento da normativa en prevención de riscos e saúde no traballo”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade