Os sinistros mortais con motocicletas implicadas aumentaron un 74% na última década
Foron máis de 4.000 motoristas mortos nos últimos dez anos, segundo recolle un informe da Fundación Línea Directa
O prototipo de vítima sería un home, entre 40 e 50 anos, que ten un accidente nunha estrada interurbana e nunha fin de semana de verán
No que vai de xullo, en Galicia faleceron catro motoristas en catro días. Van dez no que vai de ano
O verán saca máis motos á estrada, así que aumentan as probabilidades de accidente. En xullo, en Galicia, faleceron catro motoristas en catro días. Van dez no que vai de ano. O xefe do destacamento de Tráfico en Santiago explica o por qué.
"Adoitan ser distraccións ou velocidade inadecuada, incluso desatención á norma, por exemplo adiantando en liña continua. Tamén hai condutores deste tipo de vehículos que non teñen a pericia necesaria para andar neles", explica Daniel Torrado.
Son as causas máis habituais, e tamén hai un prototipo de vítima: segundo a Fundación Línea Directa, é un home, entre 40 e 50 anos, que sae da vía nunha estrada interurbana e nunha fin de semana de xullo. Estudaron os datos dos accidentes de moto na última década, con máis de 4.000 motoristas falecidos e de 330.000 feridos.
O estudo inclúe unha enquisa a 1.700 condutores, que se declaran responsables e respectuosos coas normas.
"Somos máis respectuosos porque somos o noso propio chasis", di unha condutora de moto. "É por seguridade", di outro.
Pero os datos recollidos pola aseguradora din que hai que mellorar. Segundo explica a directora da Fundación, Mar Garre, "o 29% dos accidentes mortais con motos implicadas, o condutor superaba a velocidade permitida, e o 12 por cento non levaba casco". E engade que "máis da metade dos motoristas falecidos deron positivo el alcol, drogas ou psicofármacos".
Alertan de que as vítimas mortais en motocicleta aumentaron un 44% na última década. Ese balance negro recolle 205 mortos en Galicia, e máis de 8.400 feridos. E din que aquí, cando hai un accidente en moto, temos o dobre de probabilidades de que sexa letal ca na media do Estado.