Usuarios do tren do Eixo Atlántico denuncian atrasos constantes
Usuarios do tren do Eixo Atlántico denuncian atrasos constantes
Os máis afectados din que son estudantes e traballadores
Con case 45 minutos de atraso chegaban a Vigo os usuarios dun dos trens que nas últimas horas partía dende esta estación de San Cristovo na Coruña contra as cinco e media da mañá. Se fose un feito illado, a cousa non iría a máis, a pesar dos trastornos que isto puido ocasionar a moitos.
O realmente preocupante é que os usuarios do tren din que estes retardos de entre 10 e 15 minutos son xa unha constante que supón problemas continuos sobre todo a estudantes e traballadores.
Tamén este mediodía o tren procedente de Vigo adiaba a súa chegada 7 minutos sobre a hora prevista, co que a frase máis repetida entre os usuarios do servizo non podía ser outra: "Chego tarde" ou "Non podo coller o bus a Ferrol porque chegou sete minutos tarde".
Ata chegar a converterse nun auténtico pesadelo para os que son viaxeiros habituais. Fronte aos argumentos de Renfe insistindo en que as demoras son puntais: "O atraso habitual é de 5-10 minutos, e os luns e os venres son os peores días con atrasos de ata 40 minutos", explican os viaxeiros.
Dende as distintas plataformas de usuarios de media distancia, organizados xa para presentar as reclamacións, din que os atrasos soen ser máis habituais nos trens máis madrugadores, que son os máis empregados por aqueles que se desprazan a diario por motivos laborais.