Usar WhatsApp ou ter conta en Instagram aumentan as vendas tamén nos negocios pequenos
No Gaiás, pequenos empresarios galegos aprenderon a usar as novas tecnoloxías nos negocios
Innovar no pequeno comercio local é posible e ofrece oportunidades de negocio interesantes
Ter unha empresa pequena non implica que a estratexia de mercado, de vendas, de márketing, non poida ser igual que as que teñen as grandes multinacionais. O uso das novas tecnoloxías facilita a expansión dos autónomos ou os que traballan desde localidades pequenas. Usar Instagram ou WhatsApp nos negocios pode ser a clave do éxito. De como facelo falan nas xornadas sobre innovación e comercio na Cidade da Cultura.
Francisco cóntalles a outros pequenos empresarios, coma el, que ten un forno de pan, dos de toda a vida. Pero viu que as panaderías que lles mercaban o pan para logo vendelo estaban pechando. Entón, tivo a idea de ser produtor e distribuidor. O seu negocio gañou en vendas e en clientes.
Buscando novos clientes, desde Salceda de Caselas, unha tenda de roupa abriu escaparate en Instagram. E notan que as vendas aumentan.
Montse ten unha óptica en Noia, unha tenda física, pero asiste a un curso para coñecer as ferramentas dixitais que existen para lograr máis vendas. Como ela, outros pequenos comerciantes de Galicia buscan pescar nas redes da tecnoloxía.
Os negocios tamén se fan a través do WhatsApp, do WhatsApp Bussines, por exemplo.
Usar as redes, implementalas nos negocios con criterio e eficacia é unha oportunidade e, xa, tal e como está o mercado, case que é unha necesidade para, simplemente, existir.