Uns 745 opositores compiten esta fin de semana por 109 prazas do Sergas
Este sábado acudían algo máis do 85 por cento dos inscritos
Uns 13.200 candidatos optarán a unha das 680 prazas de 24 categorías profesionais do Sergas durante seis fins de semana
Uns 13.200 candidatos optarán a unha das 680 prazas de 24 categorías profesionais do Servizo Galego de Saúde durante seis fins de semana. Esta é a primeira delas.
No recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda nesta xornada realízanse os exames nas categorías de fontaneiro e persoal de costura, e das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.
Entre este sábado e o domingo son 745 os aspirantes a cubrir 109 prazas. Hoxe acudían algo máis do 85 por cento dos inscritos.
Desde a Consellería de Sanidade destacan que esta é unha etapa máis na estabilización de emprego e no proceso de incorporar persoal, no que están a traballar, tamén en relación á atención primaria e a ter máis especialistas no Servizo Galego de Saúde.
"Xa no mes de outubro remitimos unha petición ao Ministerio de Sanidade para acreditar 64 prazas de médicos MIR de familia máis e fomos recibindo de xeito progresivo autorización e esta semana recibimos as últimas 15 autorizacións desas 64 prazas (...). Que estas 64 prazas poidan sumarse ás que xa había e gañemos 64 médicos en formación nas vindeiras semanas", dixo Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.