Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un mal día do Baxi Ferrol en Salamanca complica a súa continuidade na Eurocup (86-58)

Un mal día do Baxi Ferrol en Salamanca complica a súa continuidade na Eurocup (86-58)

O mércores en Ferrol terá que remontar 28 puntos se quere estar nos cuartos de final

Os problemas para pechar o rebote, o escaso acerto nas triplas e as perdas de balón lastraron ás galegas

@CBAvenida @CBAvenida
G24.gal 15/01/2026 20:38

O Baxi Ferrol necesitará facer unha machada na Malata se quere acceder ós cuartos de final da Eurocup. O cadro departamental perdeu onte con estrépito en Salamanca nun partido onde foi superado en todo momento pola intensidade física das salmantinas que chegarán a Ferrol a próxima semana cunha renda de 28 puntos tras o 86–58 final.

O primeiro cuarto foi igualado ata o minuto 8. Ata ese momento as salmantinas levaban a iniciativa pero as departamentais aguantaban o intercambio de canastras. Pero os dous últimos minutos foron fatais para os intereses do equipo universitario que chegaría sete puntos abaixo ó remate (23–16) tras un parcial de 9–2 favorable para as locais cimentado na súa superioridade no rebote ofensivo. No segundo cuarto, tras unha tripla da ex xogadora do Uni Claudia Soriano, a renda chegaba os dez puntos a favor das salmantinas.  As de Lino López pechaban mellor o rebote pero neste cuarto as perdas de balón lastraban os seus intereses. Ademais tampouco era o mellor día das tiradoras ferrolás desde a liña de tres puntos (1 de 10 ó descanso) e Avenida ía pouco a pouco estirando a vantaxe ata chegar a unha máxima de 16 puntos, 45–29, marcador co que se chegaría ó descanso. 

Tras o descanso subiu o rigor defensivo do cadro ferrolá pero era incapaz de anotar de forma fluída. As salmantinas seguían incrementando pouco a pouco as vantaxes aproveitando a súa superioridade física no partido e o desacerto nos lanzamentos das de Lino López. Chegaríase o último cuarto cun preocupante 61–40 favorable ó equipo local. E non melloraría no último cuarto o rendemento do equipo de Lino López.  Persistían os problemas para anotar e tiña problemas para frear o xogo ofensivo das de Ana Montañana que colocaron pé e medio nos cuartos de final da Eurocup.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade