O Uni Ferrol di adeus a Europa cunha nova derrota ante Avenida (57-79)
As de Lino López volveron a ser superadas polo equipo salmantino
A irlandesa Claire Melia foi a máxima anotadora local con trece puntos
@CBAvenida
Rematou o soño europeo do Uni Ferrol esta temporada. As ferrolás volveron a caer ante un Avenida Salamanca que se amosou superior nos oitenta minutos da eliminatoria. As departamentais necesitaban un milagre para remontar os 28 puntos cos que chegaron a este partido de volta e en ningún momento semellaron ter opcións de soñar con ese imposible.
As de Lino López soamente estiveron por diante no primeiro cuarto cun 6–3 de saída. A partir de aí xa colleu a iniciativa do marcador o equipo salmantino que pouco a pouco foi abrindo fenda ata rematar o primeiro período cunha avantaxa de cinco puntos (16–21). No segundo cuarto, da man dunha inspirada Belén Arrojo, a renda das visitantes chegaría ós 14 puntos (28–42) que se vería reducido a once no descanso a 11 grazas a unha tripla sobre a bucina da local Sotolova.
O segundo tempo non tivo historia. Coa eliminatoria sentenciada as ferrolás tentaron maquillar o marcador e pensar nos próximos compromisos que terán na liga feminina. Finalmente, 57–79, favorable ó equipo adestrado por Ana Montañana.
Na súa segunda experiencia europea as de Lino López asinaron unha primeira rolda perfecta e tras avanzar nos dezaseisavos de final caeron con xustiza nos oitavos, ante un superior Avenida Salamanca, e non poderán repetir os rexistros da temporada pasada onde chegaron a gran final da Eurocup.