Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unhas oitenta vacas compiten no concurso autonómico da raza frisoa, FEFRIGA

Unhas oitenta vacas compiten no concurso autonómico da raza frisoa, FEFRIGA

17 ganderías de todo Galicia exhiben as súas mellores reses en Santa Comba

Os últimos tres anos gañou o certame  a vaca Yuri, da gandería Rey Miñotelo da Pastoriza

G24.gal 24/02/2024 15:10 Última actualización 24/02/2024 16:03

Aínda que as probas comezaban esta mañá, as concursantes chegaron xa hai dous días a Santa Comba onde reciben todos os coidados. O obxectivo é que se sintan coma na casa.

"Viñeron o xoves para que teñan tempo de adaptarse e que non teñan estrés o día do concurso. Estoulle botando crema hidratante pero hai de todo, laca, secador. Todo o que queiras", di unha gandeira.

Son as mellores vacas e tenreiras da raza frisoa de Galicia e contan con sona a nivel estatal.

"É un dos mellores concursos que temos hoxe no ámbito estatal, ademais é dunha calidade extraordinaria. Uns animais excepcionais que logo saen a concursos a nivel nacional e quedan nas primeiras posicións", di Manuel Sandamil presidente de FEFRIGA.

Yuri, da gandería Rey Miñotelo da Pastoriza, gañou tres anos consecutivos este concurso. Dá uns sesenta litros de leite o día pero a súa produción non é o único que se valora neste certame.

"É unha vaca que está nun moi bo momento de forma, moi moderna, moi unida toda ela, moi bo ubre e moi feminina. É como cando as modelos se preparan para unha concurso de miss, pois as vacas o mesmo, prepáranse para ser miss Galicia", explica Alberto da gandería Rey de Miñotelo.

"Nos últimos vinte anos a gandería galega fixo unha progresión impresionante en canto a granxas, a instalacións, pero tamén a nivel de xenética. Hoxe espero ver mostra disto aquí, como sempre que estiven aquí xulgando", explica o xuíz do concurso, Pol Collell.

É a segunda vez que este concurso autonómico se celebra en Santa Comba.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade