"Salario ou conflito", os sindicatos levan á rúa a demanda das subas de soldos
CCOO e UXT mobilízanse para esixir incrementos para compensar o impacto da inflación
O día clave no "outono quente" anunciado polos sindicatos UXT e Comisións Obreiras arrancou este xoves en Madrid cunha masiva mobilización para esixir unha suba dos salarios que compense a inflación.
O líder da UXT, Pepe Alvárez, aseguraba que "ducias de miles de traballadores de toda España estanlle dicindo á CEOE que volva á mesa de negociación. Os convenios van seguir asinándose, pero a base de conflito, España non necesita conflito, senón acordos".
Reivindicacións para a patronal, pero tamén demandas ao executivo. "Tamén queremos lanzarlle mensaxes ao Goberno. Dicimos salario ou conflito pero tamén reparto ou conflito: hai que mellorar o salario mínimo interprofesional, a fiscalidade das empresas e ser máis valentes no control de prezos", dicía o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo.
Co lema "salario ou conflito" os sindicatos percorreron as rúas de Madrid en tres columnas, que confluíron ao mediodía na praza Maior. A organización calcula que foron uns 50.000 manifestantes, entre os que había numerosa representación galega.
Ángel Tomé, secretario xeral de UXT en Lugo resumía a demanda: "Unha suba salarial importante para que os traballadores podamos chegar a fin de mes, e que non sexamos os de sempre os que pagamos as crises que veñen unha detrás doutra".
E Lucía Trenor, secretaria xeral de servizos de CCOO en Galicia pedía "que absorba o impacto da inflación. Se hai máis marxes empresariais iso ten que verse nos salarios da xente".
Con esta gran manifestación conclúe a primeira fase de mobilizacións, que comezou o sete de outubro. Os sindicatos advirten que, de non ser escoitadas as súas demandas, estenderán as protestas.