Unhas 18.000 persoas visitaron a XII edición da feira Xantar en Ourense
O salón gastronómico de Ourense, Xantar, enfía a recta final. Pecha este domingo a súa vixésimo segunda edición tras cinco días de actividade nos que pasaron por Expourense unhas 18.000 persoas.
A tenreira galega, o selo que ampara 8.300 ganderías familiares do noso país, foi a estrela da derradeira sesión de Xantar, cunha proposta de elaboracións e despeces innovadores.
"Falamos de animais novos, que sempre van estar tenros e que teñan moi pouca graxa",di o xefe de cociña Javier Rodríguez Ponte 'Taky'.
Dous xefes de cociña, para dúas tenreiras galegas de calidade, a de vaca e boi para a carne de vacún maior, un produto aínda descoñecido fóra dos cortes tradicionais.
"Como é un filete de baleiro, unha bavette... cousas que antigamente se metían para picar e nós estámolas poñendo en valor", asegura Héctor López, xefe de cociña
En Xantar están representadas as 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que hai en Galicia. Tamén produtos emprendedores, coma este hidromel de elaboración artesá.
"Empregamos mel cen por cento natural e galego. Non empregamos químicos nin conservantes artificiais nin sulfitos e, como non ten glute, é apto para celiacos", di Irene Outeda, de Hidromel Fenrir Galicia: "
160 expositores, 7 restaurantes de Galicia e Portugal e un centenar de actividades paralelas foron os datos desta edición de Xantar, unha feira de transición tras ano e medio de pandemia na que quedaron patentes as ansias por recuperar as antigas tradicións.