Unha veciña de Carballo celebra 100 anos en familia e cunha saúde envexable
Carmen Souto vive na mesma parroquia de Oza en que naceu en 1926
Está áxil e ata que enfermou da covid duchábase soa
Carmen Souto vive na parroquia de Oza, en Carballo, onde naceu fai este luns cen anos, aínda que ninguén o diría ao vela así de áxil e con tanto humor.
"Hoxe estou moi ben, será por ir pasear", di Carmen.
Adiantaron un día a celebración do aniversario para xuntarse en familia. Ten tres fillas e un fillo, cinco netos, cinco bisnetos e uns sobriños que viñeron de Montevideo para a ocasión.
"Vida normal, come coma nós, ata agora andivo e duchouse soa ata que tivo covid, facía ela a súa cama, facía todo ela, agora non", explica a súa filla María Josefa Rodríguez Souto.
"Así, paso o tempo así, ata non vou andar moito, antes ía dar unha volta pero desde que estiven con esa enfermidade non fun moito", conta Carmen.
Quédalle pena de non ir moito á escola pero tivo que coidar do pai e da casa desde os nove anos.
"Veu un cura ver a meu pai e ofreceume ir coas monxas pero non quixen", lémbrase Carmen de cando era nena.
Xa de maior viaxou. Foi a Montevideo varias veces e a Suíza.