Unha tripla de Francis Alonso sobre a bucina dálle a vitoria ao Breogán en Andorra (101-104)
Os de Casimiro foron ao descanso doce abaixo, e foron quen de remontar no remate do terceiro período
No momento decisivo apareceu Francis Alonso, que rematou con 28 puntos e 31 de valoración
O Breogán acadou en Andorra a sétima vitoria da temporada. Foi nun partido igualado, en que remontou a volta do descanso para acabar gañando grazas a unha tripla agónica de Francis Alonso.
As primeiras vantaxes foron do Breogán, que non era quen de separarse no marcador ata o 12-21 no treito final do primeiro cuarto. Pero o Andorra volveu reaccionar, e mandou o partido empatado a 25 ao remate deste parcial.
O segundo foi outra historia. Porque a igualdade mantívose ata os 3 minutos,e unha tripla de Francis Alonso colocaba o 31-32. Pero, a partir de aí, os locais apertaron. E os galegos non puideron seguir o ritmo. A primeira metade remataba cun 56-44, grazas ao acerto de Best (17 puntos sen erro). No Breogán Alonso e Brankovic chegaban á dobre figura de anotación.
A segunda metade comezou cun intercambio de canastras que mantiña as vantaxes do Andorra por riba dos dez puntos. Un mate de Brankovic baixaba desa cifra a falta dun minuto (80-71), e entre Aranitovic, Russell, e unha tripla de Alonso, o Breogán deixaba a desvantaxe en so dous puntos ao remate do terceiro período (80-78), cun parcial de 0-9.
No comezo do cuarto, empataba Dibba, que redondeaba o parcial de 8-26 para meter de cheo ao Breogán na pelexa. A partir de aí, a igualdade foi a tónica do cuarto, que chegaba con empate a 101 ao último medio minuto. O erro na tripla local déulle a última a Francis, e a súa tripla si que entrou, con suspense, para deixarlle a sétima vitoria aos de Luis Casimiro por 101 a 104, nunha actuación persoal espectacular do internacional, que rematou con 28 puntos e 31 de valoración.