Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Breogán cede no treito final na difícil pista do Tenerife (90-81)

O Breogán cede no treito final na difícil pista do Tenerife (90-81)

Os lugueses tiveron o partido igualado ata ben entrado o último cuarto

Foto: ACB
G24.gal 14/02/2026 21:53

O Breogán non puido acadar a novena vitoria da temporada. Na difícil pista do Tenerife, que se atopa nas vésperas da Copa do Rei, os lugueses deron a talla en todo momento, cun marcador igualado que so se desnivelou nos minutos finais a prol dos canarios.

O partido comezou moi igualado, cun intercambio de canastras, e co Breogán respondendo aos locais, que se distanciaron lixeiramente ao final do parcial (23-18).

O segundo cuarto iniciouse con dous equipos anotando case exclusivamente de 3 e, mediado o período, unha canastra de Rusell empataba a 33. Os tiradores do perímetro non afrouxaban, e a igualdade mantívose ata o descanso (45-45). Neste segundo cuarto, os dous equipos pasaron do 50% de acerto nos tiros de 3, cun 6/9 para os lugueses.

Na segunda metade chegou o primeiro bo parcial. Foi para o Tenerife, que, mediado o período, abría unha fenda de 13 cun 12-0 (64-51). Pero respondeu o Breogán, que se volveu achegar a cinco antes da canastra de Scrubb que pechaba o período.

Todo quedaba aberto para o treito final co 70-68 grazas aos tiros libres de Francis Alonso e unha canastra de Mavra. Pero o Tenerife non permitía que se consumase esa remonta. Chave foi nese treito Fitipaldo cos tiros libres e vunha tripla espectacular para establecer o 84-76 a falta de 1:48. A misión complicábase e unha perda de Francis Alonso deixábaa case imposible. Shermadini apañaba un rebote para o 86-78. Tivo Kurucs un roubo co 86-79, pero non puido aproveitalo. Dous tiros libres de Fitipaldo, que rematou con 23 puntos, sentenciaron o encontro a prol dos locais. No Breogán comandaron a anotación Russell, con 17 puntos, e Francis Alonso con 16.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade