A Coruña abre O Gran Camiño 2026 cunha contra o reloxo na Torre de Hércules
O ramo desta quinta edición será na provincia de Pontevedra, cunha etapa interior de 170 quilómetros entre As Neves e A Guarda
Cada etapa poderá verse pola TVG, a G2 e AGalega.gal
O Gran Camiño 2026 comeza este martes coa etapa inaugural na Coruña. Por primeira vez serán cinco etapas. A cidade acolle de novo unha contra o reloxo con inicio e final na Torre de Hércules e un percorrido 14,8 quilómetros e 159 metros de desnivel idéntico ao que se planificou en 2024. Aquel ano, o vento provocou que a competición non se puidese desenvolver con normalidade e que, por tanto, os poucos tempos que se conseguiron trazar non contasen para a clasificación xeral da proba. Carlos Canal, o galego con máis nome do pelotón, marca os seus obxectivos.
"Buscar unha vitoria de etapa. Quizais as etapas que máis se me adapten son a segunda e a terceira"
O broche final da quinta edición de OGC poñerao a provincia de Pontevedra, cunha etapa interior de 170 quilómetros entre As Neves e A Guarda, cunha meta no alto que promete espectáculo ata o último minuto.
O pelotón pasará neste caso, alén dos de saída e chegada, polos municipios de Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui e Tomiño e realizará unha dobre subida ao Alto da Portela (2ª) para finalizar no Monte de Santa Trega (2ª)., para facer xustiza a un dos elementos patrimoniais simbólicos da comunidade.