Adam Yates defende o amarelo e gaña o Gran Camiño
A última etapa gañouna Pinarello ao esprinte no Monte Trega, por diante de Norhaggen, segundo na xeral, e de Yates
O Gran Camiño deixou 4 líderes diferentes e a primeira vitoria profesional de Carlos Canal na segunda etapa
Adam Yates é o novo gañador do Gran Camiño, logo de gañar a etapa raíña do venres, e de defender o seu maillot amarelo o sábado, sen darlles opción aos seus rivais, aínda que o último triunfo parcial foi para Pinarello.
A última etapa comezou con nervios, e con moitos movementos na cabeza á busca de meterse na fuxida do día. Co paso dos quilómetros, e logo da formación de diversos grupos, a fuxida quedou conformada por tres ciclistas españois: Sorrarain, Fernández e Uriarte. Por detrás, no grupo tiraba Movistar, cos membros do UAE do líder Adam Yates moi atentos nas dúas subidas á Valga.
Na segunda das ascensións, comezaron os movementos no pelotón, que deron na baixada cunha fuxida de Bennet e Jan Castellón. Por detrás, un pelotón dunhas vinte unidades perfilábase para a batalla decisiva na subida ao Trega. A cabeza de carreira foi neutralizada a 22 quilómetros por un grupo comandado polo Visma de Nordhagen, pero Jan Castellón resistíase a entregar a culler e aproveitaba o último terreo chan para rodar en solitario.
A súa aventura chegaba ata o Monte Trega, xa cos favoritos preparando o asalto definitivo ao Gran Camiño. Os aspirantes agardaban o seu momento, pero Adam Yates e o UAE controlaban totalmente a situacióin desde a cabeza do grupo. Yates arrancou a pouco máis de dous quilómetros á meta. Quería gañar tamén esta quinta etapa. Responderon os seus rivais, Romeo, Nordhagen e Pinarello, pero o británico marcaba o ritmo con autoridade.
Chegaron os catro xuntos á Via Crucis, e aí atacou Pinarello. Dosificou Yates e chegaron tamén os outros dous corredores. Ao sprint impúxose finalmente o propio Pinarello, por diante de Nordhagen e Yates, que rubricaba o seu triunfo xeral na rolda galega.