Fredi pídelles máis aos xogadores do Fortuna: "Estamos lonxe, non chega co do ano pasado"
O adestrador de Moaña considera vitais os partidos que xogue o filial na casa porque "fóra é moi difícil puntuar"
Na previa do partido contra o Sabadell Fredi mandoulle unha mensaxe aos seus xogadores. "Estamos lonxe do nivel que precisa a categoría, os xogadores teñen que decatarse. Non chega con facer o do ano pasado", asegurou na rolda de prensa previa ao partido.
O conxunto vigués tivo un bo inicio de campionato no que sumou 7 puntos pero as dúas últimas derrotas contra o Éibar e o Almería fan que o técnico moañés poña en valor o nivel da Segunda División. "Non podemos vivir dos recordos do ano pasado, é unha categoría diferente e a competición é moitísimo máis esixente" dixo Fredi Álvarez.
Fredi considera vitais os partidos que o seu equipo ten que xogar como local porque "puntuar fóra da casa é moi difícil". En Balaídos ten que estar a base da permanencia. A posición de mediocentro, onde conta con Capdevila como xogador específico, terá un gran reforzo coa presenza de Hugo Burcio.
No tocante ao Sabadell é outro recentemente ascendido que sacou 11 puntos nas tres primeiras xornadas. Na Nova Creu Alta gañou os tres partidos e lonxe do seu campo aínda non coñece a vitoria con dous empates sen goles (Spórting e Castelló) e unha derrota no campo do poderoso Mallorca. O partido xogarase este sábado, ás 18:30 horas.