Un eufórico Joventut mide o novo proxecto do Breogán (domingo, ás 12:00 na TVG)
Luis Casimiro: "É o mellor partido para comezar a temporada no Pazo"
Despois de gañar a Supercopa impoñéndose ao Baskonia na semifinal e ao Barcelona na gran final o Joventut chega ao Pazo de Lugo coa moral polas nubes. Será o primeiro rival do equipo de Luis Casimiro que estrea a campaña diante da súa afección este domingo ás 12:00 horas, partido que veremos en directo pola Televisión de Galicia.
O Breogán tamén fixo unha pretemporada esixente con tres partidos de competición oficial na previa da BCL, da que quedou eliminado. Conta cun bo número de xogadores que xa estaban a campaña pasada (Quintela, Aranitovic, Brankovic, Francis Alonso, Mavra e Andric) e os novos queren amosarse diante dunha "afección única en España" tal e como a definiu o adestrador Luis Casimiro. Os Kasibabu, Bolton, Ilic, Peris, Brown e Anderson García estrearanse en partido de ACB co Río Breogán. O que está máis lonxe do seu nivel é Anderson García, o último en chegar e que só completou tres sesións cos seus compañeiros.
No Joventut destaca a mestría de Ricky Rubio na dirección de xogo e o gran momento de Laprovittola, que nos dous partidos da Supercopa mediou 29 puntos e resultou decisivo na final contra o Barça.