Oitavo título mundial de paratríatlon para Susana Rodríguez Gacio
A deportista viguesa, xunto ao seu guía Sara Pérez, proclámase campioa do mundo de paratríatlon nas rúas de Pontevedra aos 38 anos
Susana ten no 2028 como data para a súa retirada profesional
Susana Rodríguez Gacio continúa ampliando o seu palmarés internacional. A deportista viguesa conquistou o seu oitavo título mundial de paratríatlon na proba disputada polas rúas de Pontevedra, onde competiu xunto ao seu guía Sara Pérez. Aos seus 38 anos, Rodríguez Gacio suma un novo campionato do mundo a unha traxectoria que inclúe dous ouros en Xogos Paralímpicos, sete campionatos de Europa e catro títulos mundiais de dúatlon.
"Supercontenta de conseguilo aquí, de poder cambiar a historia e quedar con esta lembranza para sempre"
Con oito coroas mundiais, Susana mantén ademais 2028 como horizonte para a súa retirada profesional. A súa intención é despedirse no Mundial de Nova Zelandia, onde tamén disputou o seu primeiro campionato mundial en 2012.
"Gustaríame pechar alí o círculo. Todo ten que ter un principio e un final. Quero retirarme no alto, cun bo rendemento e sendo eu quen tome esa decisión", sinalou.