O Breogán despídese da temporada con derrota tras o milagre de Zaragoza (94-95)
Os maños remontan un partido que perdía por cinco a falta de vinte segundos cunha tripla sobre a bucina de Marco Spissu e acadan unha agónica salvación
Os breoganistas dependerán agora das renucias dos equipos que lle preceden para ter opcións de xogar competició europea
Espectacular partido do breoganista Francis Alonso que se foi aos 33 puntos de anotación
@cbbreogan
Unha tripa sobre a bucina do italiano Marco Spissu, despois de que o seu compañeiro Bell-Haynes tirase a fallar o segundo tiro libre, permitiu ao Casademont Zaragoza asinar unha épica remontada (94-95) no Pazo Provincial de Lugo, onde levantou ao Breogán unha desvantaxe de cinco puntos nos últimos 24 segundos para celebrar a súa permanencia na ACB e certificar o descenso do Dreamland Gran Canaria a Primeira. Con este resultado os lucenses non poden garantir a súa presenza en competicións europeas a próxima temporada e rematan a liga na undécima posición.
O partido viña marcado pola necesidade de vitoria do equipo maño que necesitaba gañar e que picasen Gran Canaria e Andorra para eludir o descenso de categoría. A primeira metade resultou igualada con Dwayne Rusell marcando o ritmo par aos lucenses e Marco Spissu para os zaragozanos. Na segunda metade semellaba que o Breogán racharía o partido tras a excelente actuación de Francis Alonso que se foi aos trinta e tres puntos, récord anotador dun xogador nacional coa camisola breoganista. Pero o equipo de Gonzalo García de Vitoria non se rendeu ata cando peor o tiña. Restaban vinta e cinco segundos e perdían por cinco puntos. Aranitovic errou dous tiros libres para o Breogán e o ex lucense Trae Bell Haynes anotaba unha tripla contra taboleiro que colocaba a dous puntos ao seu equipo. Andric soamente anotaba un tiro libre e Zaragoza estaba a tres puntos con cinco segundos por xogar. Breogán fixo falta rápida. Bell Haynes anotou o primeiro e lanzou a errar o segundo. Colleu o seu rebote e o balón chegaría a Spissu que anotou unha tripla milagreira sobre a bucina que lle daba a vitoria e a salvación ao equipo maño.
O Breogán remata a liga na undécima posición coa posibilidade de xogar copmpetición europea dependendo das renuncias dos equipos que o preceden na clasificación. Derrota que non empaña a gran temporada realizada polo equipo breoganista.