Casimiro avisa o Zaragoza: "Nós xogamos a décima praza"
O técnico breoganista destacou a importancia de que xogadores “importantes” no seu sistema de xogo como Aleksandar Aranitovic, Mihajlo Andric, Dominik Mavra ou Francis Alonso renovasen o seu contrato
Luis Casimiro, adestrador del Río Breogán, avisou este xoves o Casademont Zaragoza que mañá non espere medirse a un rival relaxado no Pazo Provincial de Lugo, onde o conxunto maño ten que gañar para soñar coa permanencia na ACB.
“Cada vez que se lanza o balón ao aire, eu quero gañar sempre, dar o meu máximo independentemente do rival que estea enfronte, e iso é o que trasladei aos meus xogadores”, apuntou Casimiro.
O técnico breoganista confirmou que ten a todos os seus xogadores dispoñibles para este partido, a pesar de que algúns sufriron “un proceso de infección estomacal” que lles impediu adestrar co grupo ao longo de semana.
Sobre o rival, dixo que xa se nota a man de Gonzalo García de Vitoria, terceiro inquilino do banco maño tras o paso de Jesús Ramírez e Joan Plaza.
“Agora é un equipo que quere correr, que busca ser vertical con transicións moi rápidas. E logo é un equipo que vai moi forte ao rebote de ataque e que intenta xogar con moita intensidade”, analizou.
Casimiro, ademais, apuntou ao ‘reforzo’ que tiveron para este final de curso, en referencia ao canadense Trae Bell-Haynes, xa recuperado da lesión na man que o tivo case catro meses afastado das pistas.
Finalmente, Casimiro destacou a importancia de que xogadores “importantes” no seu sistema de xogo como Aleksandar Aranitovic, Mihajlo Andric, Dominik Mavra ou Francis Alonso renovasen o seu contrato co Breogán porque “sempre é importante non empezar de cero e ter un percorrido realizado”.