O Celta prepara a xira italiana con moitos frentes abertos
Os vigueses enfrontaranse ao Sassuolo e ao Napoli
Están pechadas as chegadas de Faye e Bayindir
Marian Mouriño foi nomeada hoxe Dona do Albariño
O Celta segue coa súa posta a punto para a tempada. Comezará a liga o 16 de agosto ás 21:30 fronte Osasuna, a pesar de que tiña a posibilidade de retrasar o encontro pola participación de Borja Iglesias no Mundial.
Claudio Giráldez, que falou cos medios de comunicación despois do partido co Académica Viseu, confirmou que foi unha decisión consensuada entre todas as partes do club.
O Celta conta tamén con frentes abertos na confección do plantel. Hai dúas fichaxes pechadas, Abdoulaye Faye, central do Bayer Leverkusen que xogou o ano pasado no Lorient francés, e Altay Bayindir, porteiro do Manchester United.
O internacional turco de 1,98 de altura chegaría a Vigo como cedido, e con el o Celta reforza a posición de porteiro para que Radu teña máis competencia. Está pendente ver cal será o futuro de Iván VIllar.
O Celta tamén está pendente das saídas de Unai Núñez, Carles Pérez, Manu Fernández e Carlos Domínguez, e de ver se finalmente Joel López e /ou Hugo González, máximo goleador da pretempada, quedan co primeiro equipo. De facelo, non poderían volver ao Celta Fortuna.
Hugo González celebrando o seu gol contra o Arousa / @RCCelta
No plano extradeportivo, Marian Mouriño foi nomeada Dona do Albariño nas Festas do Albariño de Cambados. Con motivo disto, deu un discurso que pechou cun "Viva o Albariño e viva o Celta!".
🍷@mmourino foi nomeada Dama do Albariño
— En Xogo (@EnXogoG) August 2, 2026
🩵Tras isto, a presidenta do @RCCelta deu un discurso
🗣️"Viva o viño e viva o Celta!" pic.twitter.com/mxmrq7Bp9u
O Celta xogará en Italia fronte o Sassuolo o mércores 5 de agosto ás 20:00 e fronte ao Napoli o sábado 8 ás 21:00. Con estes dous partidos pechará a pretempada e ambos poderanse ver a través da primeira canle da TVG.