A obsesión de Casimiro para o partido de Andorra pasa por reducir o número de perdas
O Breogán recibe o equipo que marca o descenso este sábado (19:00 horas) no Pazo
Un triunfo selaría a permanencia pois sacaríalle cinco vitorias ao descenso a oito xornadas para o final
O Río Breogán ten unha oportunidade de ouro para deixar selada a permanencia diante de Andorra. No caso de acadar a vitoria, o cadro lugués sacaríalle cinco vitorias -que serían seis porque tamén tería gañado o basket average en caso de empate final- ao seu rival, o equipo que marca agora mesmo o descenso. No partido de ida gañara o Breogán por 101-104.
O aspecto do xogo que obsesiona a Luís Casimiro é reducir o número de perdas de balón. Contra o Valencia foron 21 e xa diante de Bilbao hai un par de xornadas a cifra achegárase ás vinte (19).
"Non foi un problema ao longo da temporada pero sí apareceu ultimamente. Debemos ter moita máis responsabilidade á hora de compartir o balón", asegurou o técnico do equipo galego.
Casimiro non se fixa na clasificación dun Andorra que chega despois de catro derrotas seguidas.
"Son un equipo de moito talento ofensivo. Temos que seguir sendo fortes en defensa e correr o campo", apuntou.
O cadro andorrano ten cinco xogadores que pasan dos dez puntos por partido (Rice, Kuric, Evans, Castañeda e Pustovyi) e onde teñen o problema é no aspecto defensivo con máis de 93 puntos encaixados por partido.