Unha treboada de solidariedade para restituir as vacas que matou o raio
A parella perdera vintedous animais durante unha treboada hai agora un ano
Unha colecta recadou en poucas horas cartos para substituír o gando falecido
Nun prado de Quintá, en Rodeiro, pastan 27 vacas frisoas de leite. Chegaron de Bélxica, Alemaña, Francia e doutros puntos de España. Ata aquí todo normal, se non fose porque é o final feliz dunha historia que comezou como traxedia.
"Caeu o raio e matounas todas". Así contaba hai un ano a filla de Candido e Julia a desgraza que se abatera sobre a familia. A treboada daquel día levou dunha tacada 22 das súas 25 vacas e a piques estivo de poñer fin anticipado a unha vida de gandeiros.
"Nese momento estaban moi desanimados. A idea deles era deixalo todo, pero animámolos para que seguiran", conta Jesús Montes, presidente da cooperativa O Rodo de Rodeiro.
Non só os animaron. Puxeron en marcha unha campaña solidaria para repoñer os animais que acabou sendo un éxito igual de fulminante.
Montes relata como "en poucas horas recadouse o que estaba estimado. Houbo colaboracións de xente de toda Galicia, a industria do leite, xente de fóra de Galicia, xente que chamaba que quería colaborar. De feito, ao final quedou xente fóra porque pechamos a conta ao chegar ao obxectivo".
A axuda veciñal non rematou aquí. As novas vacas tiveron que afacerse a unha contorna que non era a súa. A aldea enteira colaborou durante dous meses.
"Axudamolas a tornar dun camiño, tornar doutro, porque ao non estar afeitas, unhas ían para un lado, outras para o outro", conta un dos veciños, Manolo Pardo.
Hai un ano, as botas de goma salváronlle a vida a Julia. Un pouco de solidariedade fixo o resto.