Unha rúa da Estrada convértese en lugar de impacto habitual dos coches
Unha furgoneta impacta contra o peche dunha vivenda e ocasionou graves danos
Os veciños denuncian que son frecuentes estes accidentes, aínda que o Concello xa tomara medidas
A rúa de San Paio, no concello da Estrada, sofre frecuentes impactos dos vehículos. Os propietarios das vivendas reclaman que a reparación do peche pode chegar aos dez mil euros.
Este ano é a segunda ocasión en que un vehículo bate contra a casa. En total, os propietarios contabilizan ata sete accidentes contra a vivenda. Nesta ocasión os danos provocounos unha furgoneta que impactou antes contra a gasolineira.
Ata o de agora só houbo que lamentar danos materiais. A súa preocupación é que calquera día poida pasar algo de maior gravidade, xa que "pasa moita xente andando" e hai nenos xogando da zona.
O lugar leva camiño de converterse nun punto negro. Malia a instalación dun semáforo nun cruzamento próximo á vivenda, os propietarios din que os vehículos seguen pasando a gran velocidade e a medida non resultou efectiva.
Aseguran que os coches veñen con moita velocidade, superando o límite dos 50 km/h e "a curva esa é bastante pechada".
Recoñecen que o Concello acometeu outras actuacións, como a mellora do firme da estrada, pero este novo sinistro reclama outras medidas.
