Unha prodixiosa segunda parte facilita a décima vitoria do Breogán
Unha prodixiosa segunda parte facilita a décima vitoria do Breogán
O resultado da segunda parte, na que os de Mrsic esnaquizaron o Xirona, foi de 59-31
A máxima vantaxe chegou coa canastra final (92-70)
A un paso da permanencia queda o Breogán despois do triunfo ante o Xirona, outro rival directo máis que cae contra os de Mrsic. Xa son dez as vitorias apañadas, a un par delas do número concibido ao principio da temporada.
O partido comezou ben para o Breogán (10-3) pero igualouse ao final do primeiro cuarto (20-20). No segundo cuarto e da man dun gran Colom, o Xirona sorprendeu e, cun parcial de 0-10, conseguiu unha máxima vantaxe de once puntos (26-37).
Ao descanso, o resultado era de 33-39 pero todo cambiou no terceiro cuarto. Cunhas porcentaxes extraordinarias no tiro de tres (chegou a ser 7/8) o Breogán deulle a volta ao partido. Momirov machacou o aro visitante e os locais recuperaron a vantaxe (60-53).
O último cuarto comezou igualado (64-61) pero un parcial de 10-0 decantou o enfrontamento (74-61) para os lucenses. O partido rematou coa máxima diferenza (92-70) e cun triunfo máis diante dun dos rivais da zona baixa en que non están a perdoar os do Pazo.