Un espectacular Breogán pasa por riba do Girona (115-92)
Terceira vitoria en tres xornadas, marca histórica
Brown con 20 puntos e Francis con 27, máximos anotadores
Había 41 anos que un equipo non anotaba 100 ou máis puntos nas tres primeiras tiradas
O partido arrancou co morbo de ver a Moncho Fernández de volta no Pazo e seguiu cun partido frenético, como se agardaba. Con Peris ametrallando desde o perímetro para o Breogán e Sergi Martínez dando resposta para Girona. Os visitantes sacaban partido do rebote ofensivo neste inicio. Pero, en canto os galegos acertaron a pechalo, o Breo impuxo o seu ritmo e comezou a adquirir diferenzas. Chegaron a ser de nove a falta de dous minutos. E quedaron en oito ao final deste primeiro cuarto (30-22).
No segundo, os galegos seguiron ao seu, cun parcial de 6-2 que elevou a distanza ata os 12. Moncho volvia pedir tempo porque vía que o encontro se lle escapaba. Pero nin así. O Breo seguiu imperial. Defendendo con intensidade e transitando de xeito eléctrico. Liderados por Francis Alonso. A diferenza foise ata os 23 (55-32, minuto 17) e pechou cun espectacular 61-41 esta primeira parte. Uns números brillantes en ataque. Con nove triplas anotadas en 17 intentos. E con Girona impotente, incapaz de seguir o ritmo; 12 perdas neste primeiro tempo.
Á volta do intermedio, o Breogán mantivo o pulo e conseguiu elevar, da man de Brown, a distancia ata os 25 (78-53, minuto 27). Así as cousas, no Pazo foi unha festa e un exercicio de control baixo a atenta mirada de Chus Mateo, o seleccionador nacional. O partido pechou cun estratosférico 115-92, que supón a terceira vitoria do Breo nestas tres xornadas, marca histórica. Brutal.
41 anos despois, un equipo da primeira división do baloncesto español volveu conseguir iniciar as tres primeiras xornadas anotando 100 puntos ou máis. O anterior fora o Real Madrid na 85-86. Aquel Real Madrid acabou por gañar o campionato.