Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha praga de ratas obriga pechar a Oficina de Turismo de Lugo e o Centro de Interpretación da Muralla

Unha praga de ratas obriga pechar a Oficina de Turismo de Lugo e o Centro de Interpretación da Muralla

O Concello de Lugo está a selar o edificio para evitar que se coen os roedores

Veciños e comerciantes da zona sinalan unha casa en ruínas como orixe do problema

Unha rata na praza do Campo
G24.gal 03/12/2025 14:10

Unha praga de ratas mantén pechada a Oficina de Turismo e Centro de Interpretación da Muralla, na praza do Campo. O Concello leva tempo probando diferentes métodos que resultaron pouco efectivos, polo que estes días se está a selar o edificio para evitar que se coen os roedores. 

Na zona non sorprende a súa presenza. Algúns veciños explican que poden saír dos sumidoiros e por calquera sitio, "na parte vella de Lugo haberá moitas posibilidades".

Hai quen ten visto algún roedor pola rúa, entre a xente, coas terrazas cheas, explica unha veciña. O hostaleiro José Luis Pardo mesmo viu como saía un dunha casa en ruínas, que está ao carón do seu negocio.

"Saen todas desa casa, deben ter aí o niño".

A casa á que apuntan como foco do problema leva tres anos valada por varias derrubas, a última hai uns días. Evidentemente é difícil desvincular este tema da casa en ruínas que está tres portais máis abaixo e que afecta aos locais do lado. Isto non axuda a ninguén, sostén Luis Latorre, presidente de Lugo Monumental, asociación que agrupa hostaleiros e comerciantes do centro histórico e que denunciou a situación deste inmoble hai tres anos. 

"Queremos que se arranxe o antes posible xa que estamos nunha praza tan fermosa como é a do Campo".

"Esa casa leva anos aí, e a verdade é que non sei como se pode aguantar iso. A burocracia ou non sei que pasa, están as cousas sen resolver nun lugar tan emblemático como é praza do Campo", engade outro veciño. José Luis Pardo insiste en pedir solucións "xa que estamos nunha praza tan fermosa é unha mágoa que estea o valado con todos estes inconvenientes, mesmo coa aparición de ratas".

Mentres duren os traballos, a atención ao público faise na Sala Porta Miñá

Un cartel avisa do peche das instalacións por obras de mantemento e a atención pública se traslade mentres tanto ao Museo Porta Miñá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade