Publicador de contidos

Publicador de contidos

No barrio vigués de Teis denuncian que levan anos con pragas de cascudas nas súas casas

No barrio vigués de Teis denuncian que levan anos con pragas de cascudas nas súas casas

Os veciños reclaman ao Concello medidas contundentes para eliminar estes insectos 

TVG
G24.gal 07/05/2026 15:42

A presenza de cascudas desespera a veciñanza de Teis, en Vigo.

No barrio das Flores denuncian que levan anos con este problema, que xa é unha praga, e que a situación empeora agora, coa chegada da calor na primavera.

Pelexan contra as cascudas con insecticidas, trampas e barreiras, pero din que sempre perden, así que piden axuda para que desinfecten a zona.

Antonia, unha veciña de Teis, conta que "todos os días recóllense a paladas. Normalmente eu poño insecticida e morren pero veñen máis mañá". 

E así están boa parte das casas do barrio das Flores, en Teis. Din que hai cousa de cinco anos que conviven coas cascudas:

"Un día aparecen no desagüe da ducha, outra vez no vertedoiro, outra vez no mesado da cociña".

"Levántome e sempre atopo na cociña, como mínimo cinco e no cuarto de baño".

"Atopas bichos no medio do corredor. Atopas cascudas, que non morden, pero é un fastidio pisar unha cascuda descalza".

E contan os traballos que pasan e os cartos que gastan para tentar desfacerse delas:

"Teño aparellos de todo tipo, estes que emiten ondas, fumigo, boto spray tipo laca e nada".

"Contratamos unha empresa especializada e non serviu de nada. Un mes sen elas e despois volven outra vez".

Así que desesperan, sobre todo agora, cando chega a calor:

"Chega a primavera e isto é unha praga. Un día e ao seguinte outra vez".

En distintos puntos do barrio de Teis os técnicos municipais deixan unhas marcas nas zonas tratadas.

Desde o Concello de Vigo explican que nesta época e nesta zona están reforzando a desinfección, pero din que o problema está no interior das casas, onde non poden tratar. Os veciños discrepan:

"Vemos como nos entran na casa desde fóra".

"O problema está fóra".

E na asociación de veciños teñen constancia de que o problema se estende:

"Non só no barrio, tamén hai en Sanjurjo Badía, en San Pablo, Espiñeiro, hai cascudas en todos os lados", asegura Julio González, presidente Asociación Veciños de Teis.

Din que é molesto e insalubre, e reclaman medidas máis contundentes que os axuden a controlar e eliminar a praga de cascudas na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade