Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha praga de eirugas defoliadoras ameaza a colleita do millo forraxeiro

Unha praga de eirugas defoliadoras ameaza a colleita do millo forraxeiro

Non ataca todas as leiras por igual pero nas que entra, arrasa

Detectáronse ataques por toda Galicia, con maior presenza na provincia da Coruña

G24.gal 23/08/2023 15:12

Aínda que a alternancia de chuvia desta primavera-verán facía presaxiar unha boa colleita de millo, este ano os labregos estanse a ver azoutados polas pragas coma se estiven no Antigo Testamento.

Primeiro foi o verme gris, que ataca a planta máis nova e que obrigou a resementar moitas leiras ao comezo da campaña. Agora, co millo xa medrado e a piques de ensilarse, está a ser devorado por un verme defoliador que come a folla e toda a parte verde da planta do millo. Estanse a rexistrar ataques por toda Galicia, pero especialmente pola provincia da Coruña.

Os ataques non son xeneralizados, afectaron máis determinadas parcelas, pero nas que o verme entra, arrasa. Foi o que lle aconteceu a Jonathan Cives, a gandería Melenas, en Mazaricos: "hai zonas onde ataca e outras onde parece ser que non. A min tocoume que si e temos moitas leiras afectadas. En concreto esta parcela na que estamos deu 80.000 quilos por hectárea o ano pasado. Este ano xa vedes, vese máis día que plantas de millo".

O tipo de eiruga defoliadora que esta a atacar o millo este ano é unha especie orixinaria de Norteamérica e leva presenta en Galicia desde hai varias décadas, pero nunca se viu tanta propagación coma a deste ano. Como sinala Pablo Amado, delegado de Limagrain Ibérica, “o normal era ver algún rodal illado nunha leira e que non fóra a máis. Esta praga caracterízase por ter 3 ou 4 xeracións cada ano e a última é a máis agresiva. Penso que este ano, coas temperaturas tan boas que tivemos durante os meses de marzo e abril, adiantáronse os voos dos adultos, os ciclos produtivos adiantáronse todos e colleron o millo máis tenro, e ademais esa última xeración foi máis abundante e provocou estragos en certas zonas de Galicia en certas parcelas puntuais".

Os ataques máis extremos atopámolos nunha leira de Boqueixón, moi preto de Santiago, onde os vermes non deixaron unha soa folla sen comer. Manuel Millán, gandeiro e socio da SAT As Regas, di que “este millo tiña que estar como o doutras leiras que temos ao carón, tiña que estar xa moi próximo ao ensilado, con folla, tiña que verse unha mazaroca decente, tiña que estar normal como calquera outro ano. E quedaron os paus".

Hai uns días Manuel observaba atónito como as eirugas atravesaban camiños e estradas dunha leira a outra: "Lembrábame á película A Marabunta, unha cousa que eu nunca tal vira. Ás veces case non se vía nin o asfalto dos vermes que había atravesando dos prados cara as leiras de millo. Era todo vermes".

A altura do millo agora, a piques de recollerse, dificulta calquera tipo de tratamento. Nalgúns lugares están a optar por facer sulfatados perimetrais para tentar evitar que o verme entre nas plantacións. Algúns dos gandeiros que se viron atacados, como Jonathan Cives, optaron por tentar sulfatar dentro das leiras pero o remedio foi case peor ca enfermidade: "Concorre tamén que tes que entrar cun tractor moi grande. Nesta parcela entramos e xa se ven as consecuencias, as rodadas, o millo tirado, por onde pasa o tractor fai moita desfeita".

Polo momento é difícil calcular a superficie afectada, nun ano que estaba a ser moi bo para o crecemento do millo forraxeiro na maior parte do territorio galego. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar