A mina de Doade prevé iniciar a súa actividade arredor de 2030, cun horizonte de 42 anos ampliable
O director do proxecto estima que podería xerar uns 120 empregos directos e destaca o papel do litio na transición enerxética
A mina está pendente da declaración de impacto ambiental
A mina de Doade, en Beariz, comezará a funcionar antes de 2030 e manterase en activo durante 42 anos ampliables se se atopan novas reservas de litio a maior profundidade.
Así o afirma o director do proxecto, José Luis Corbacho.
A mina está pendente da declaración de impacto ambiental. A continuación, deberá definirse a fase construtiva e iniciar os labores mineiras, un proceso que podería prolongarse dous ou tres anos.
O plan prevé a extracción de 12 millóns de toneladas de mineral a un ritmo dunhas 500.000 toneladas anuais. A actividade directa da mina xeraría arredor de 120 postos de traballo, aos que se engadirían outros indirectos asociados a servizos e mantemento.
O responsable destacou que o funcionamento podería estenderse máis alá das catro décadas iniciais, xa que existen niveis de profundidade non explorados debido a limitacións técnicas. “É posible que haxa máis reservas de litio a maior profundidade”, indicou.
O litio, clave para reducir a dependencia dos combustibles fósiles
Corbacho definiu o litio como un “elemento básico” para fabricar baterías e avanzar na substitución da enerxía térmica pola eléctrica. Segundo sinalou, este mineral permite “fuxir dos combustibles fósiles e empregar as baterías como fonte de almacenamento de enerxías renovables”.
O director tamén salientou a posición de Galicia, cun substrato xeolóxico que favorece a presenza de minerais como o litio e o cobre, exemplificado na mina de Touro. Non obstante, advertiu de que o desenvolvemento doutros proxectos mineiros require máis investigación, maior aceptación social e axilidade administrativa.
Corbacho lembrou que a minería do litio é complexa e custosa tanto desde o punto de vista técnico como social e regulatorio. Subliñou, ademais, que “case o 70 % do litio mundial procede da China”, país que leva dúas ou tres décadas desenvolvendo tecnoloxías avanzadas neste ámbito.