Unha explosión de gas nunha mina da China deixa polo menos 90 mortos
Trátase do peor accidente mineiro no país asiático dos últimos 15 anos
No momneto do sinistro 247 persoas traballaban na explotación
Aínda que as causas do accidente están a ser investigadas, segundo as autoridades locais recibiuse unha alerta por exceso de monóxido de carbono previamente á explosión
Polo menos 90 persoas morreron nunha explosión de gas ocorrida este venres na mina Liushenyu, na provincia chinesa de Shanxi , no centro do país, informaron medios estatais chineses.
Na explotación situada no distrito de Qinyuan, traballaban 247 persoas no momento do sinistro, segundo a axencia oficial Xinhua.
A cifra de mortos aumentou ao longo da xornada: nun primeiro balance divulgado na mañá do sábado, as autoridades informaran de 8 falecidos, 201 persoas evacuadas con vida e 38 atrapadas baixo terra, antes de elevar o número de vítimas mortais primeiro a "máis de 50" e despois a 82.
Posteriormente, a televisión estatal CCTV sinalou que, alén dos 82 falecidos, outras 9 persoas seguían desaparecidas.
As autoridades non detallaron polo de agora as circunstancias concretas nas que se produciu a explosión nin o estado das persoas que seguían sen ser localizadas, aínda que si indicaron que as tarefas de rescate seguían en marcha.
En paralelo, Xinhua indicou que unha persoa responsable da empresa propietaria da mina quedara "baixo control das autoridades", nun movemento que apunta ao comezo da depuración de posibles responsabilidades polo sinistro.
Tras coñecerse o accidente, o presidente chinés, Xi Jinping, pediu intensificar as tarefas de procura, atender os feridos, investigar as causas do suceso e esixir responsabilidades.
O viceprimeiro ministro Zhang Guoqing desprazouse ao lugar para supervisar os labores de rescate e a xestión posterior ao accidente.
As minas de carbón, material co que A China xera arredor dun 60 % da súa enerxía, seguen rexistrando unha alta sinistralidade, aínda que nos últimos anos o número de accidentes mortais reduciuse de xeito significativo.
O sector mineiro chinés rexistrou máis de 3.000 mortes entre 2018 e 2023, cifra que con todo supuxo un descenso do 53,6 % con respecto ao lustro anterior, segundo datos oficiais.
Sobrevivente da explosión: "Había unha nube de fume que cheiraba a xofre"
Un sobrevivente da explosión describiu como logrou escapar entre unha "nube de fume" con cheiro a xofre, segundo medios estatais chineses.
O traballador, de nome Wang Yong, explicou á cadea estatal CCTV que se atopaba na fronte de traballo 311 cando comezou a percibir fume, sen escoitar antes "ningún ruído".
"Entón cheirei algo como xofre, como cando hai unha voadura", sinalou Wang, que engadiu que nese momento empezou a avisar a outros compañeiros para que corresen cara á saída.
Durante a fuxida, o mineiro asegurou que viu persoas afectadas polo fume e que el mesmo perdeu o coñecemento.
"Vi a xente afogada polo fume. Eu tamén me desmaiei. Despois de estar tombado máis dunha hora, esperteime só, espertei tamén á xente que tiña ao lado e saímos da mina", relatou, citado por CCTV.