Publicador de contidos

Publicador de contidos

As empresas galegas serven proximidade para competir no sector da comida a domicilio

As empresas galegas serven proximidade para competir no sector da comida a domicilio

Pequenas compañías locais fixéronse un oco nun negocio dominado por grandes multinacionais

As previsións son que a demanda de alimentos dende casa seguirá medrando os próximos anos

G24.gal 03/06/2026 14:40

Unha hamburguesa? Unha ensalada? Claro, e co envío de marca galega. O sector da comida a domicilio segue crecendo e as previsións din que continuará medrando os próximos anos. 

É un sector que, ata agora, dominan grandes multinacionais pero no que agroman empresas galegas que se están a facer un oco no mercado. Caylu naceu hai seis anos no Grove para servir comida de bares a fogares. Hoxe, abarca doce concellos da provincia de Pontevedra (acaba de abrir en Caldas de Reis) e Monforte de Lemos, emprega corenta traballadores e opera cuns trescentos locais de hostalaría.

Outro exemplo é Kibus, unha pequena compañía que xurdiu na Coruña tamén durante a pandemia e que leva a compra a casa dende o mercado da praza de Lugo. Como compiten coas grandes?

"Temos outros estándares. Nós non temos unha morea de directivos, non facemos investimentos moi grandes en publicidade. Simplemente facemos o servizo e facémolo moi, moi ben", asegura Isidoro Márquez, o director de Caylu Delivery.

"O principal argumento que temos é o produto. Sempre dicimos que os nosos tomates os podes comer a dentadas porque son da praza. Mércanos auténticos gurús, que son os praceiros", completa Eduardo Sanjurjo, o xerente de Kibus.

Plans de expansión

Segundo as estatísticas, o vinte por cento da poboación pide alimentos dende casa polo menos unha vez por semana. O ritmo de vida acelerado e a perda de coñecemento ou de interese pola cociña indican que o negocio seguirá medrando.

Caylu conta con operar na Coruña e en Vigo xa o ano que vén e despois o seu plan de expansión é chegar a toda España e ao norte de Portugal.

En Kibus din que están gañando novos clientes, non só xente nova que non quere ou non pode ir ao mercado, senón tamén xubilados que descubriron un xeito cómodo de facer a compra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade