Un negocio de Malpica ofrece aos seus clientes o servizo de 'telesardiña'
As sardiñas van do porto á grella e logo fan o repartimento aos domicilios dos seus clientes
Tamén fan as sardiñas asadas para todo tipo de eventos
"Se non queres vir a Malpica a comer as mellores sardiñas do mundo, non veñas, queda na casa, que chas levan a casa, non? Levámolas a casa. Sardiñas Conchita, probablemente mellores sardiñas do mundo. Consolan!"
Anúncianse así nas redes sociais. Neste negocio encárganse persoalmente de todo. Ata de facer a publicidade dun servizo innovador.
"A xente chámanos e dinos que para as oito da tarde quere tantas racións de sardiña. Levámoslle a sardiña e mailo pan, como se fóramos os americanos, Telepizza, pero somos de Galicia", conta José Verdes, socio de Sardiñas Conchita.
As sardiñas van directamente do porto á grella.
"É peixe de Malpica, a poder ser. Cando non hai, témolo que ir buscar á Coruña ou Laxe. Os barcos xa nos chaman para dicirnos que nos traen as sardiñas especiais. Chámanlle sardiña Conchita, e xa imos buscalas e listo"
Prepáranas na grella ao xeito tradicional e, cando están listas, saen con elas ao repartimento. Os clientes din que o que as proba, repite.
"Porque saben moito, estas sardiñas son as mellores que hai, de verdade, saben moito. Está moi boa a sardiña esta", di un cliente. "Comerán cinco ou dez, pero repiten, si, porque están moi saborosas e funciona moi ben", engade outro.
Neste negocio tamén ofrecen outros servizos. No verán montan o posto en Malpica e van, ademais, a outros lugares.
"Nós tamén temos eventos. O mes de xuño foi mi bo. Chámannos para aniversarios e imos tamén. Facemos as sardiñas e moitas veces churrasco e polbo, pero nós somos de sardiñas".
Todo isto para que calquera poida gozar deste prato típico do verán sen complicarse a vida.