Unha muller de 48 anos falece tras chocar contra un camión cando circulaba por Mañón
Os servizos de emerxencia desprazáronse ata o lugar, pero só puideron confirmar o falecemento
Foi preciso chamar o persoal de mantemento de estradas para restablecer as condicións da vía, xa que o camión estaba vertendo combustible na estrada

Unha muller de 48 anos, veciña do Barqueiro, faleceu este luns en Mañón tras colidir contra un camión cando circulaba no seu turismo.
O 112 Galicia informou de que o accidente se produciu na AC-862, no quilómetro 67,5, ao seu paso pola parroquia de Mogor.
Foi un particular o que avisou do ocorrido ás 13:33 horas. Ata o lugar desprazouse o 061, que só puido confirmar o falecemento da persoa.
No operativo tamén participaron membros do GES de Ortigueira, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.
Segundo comunicou o 112, "a estrada estaba cortada por completo, e o camión estaba vertendo combustible nela", polo que tamén foi preciso chamar ao persoal de mantemento de estradas para restablecer as condicións da vía.