Unha patrulla da Garda Civil envorca nunha estrada con alta sinistralidade
Os tres axentes dirixíanse a auxiliar un accidente cando envorcaron na estrada de Carracedo, en Caldas, a Catoira
No verán de 2021, outro garda civil faleceu nesa zona ao saír da estrada coa moto
Dirixíanse a auxiliar nun accidente e acabaron accidentados e auxiliados, co coche envorcado no medio da estrada que vai de Carracedo, en Caldas, a Catoira.
"Pasaron aviso con posibles encarcerados no interior do vehículo e, de camiño á zona, cando xa estabamos preto do punto, confirmáronnos que os ocupantes xa estaban fóra", explica Pablo Muñiz, xefe de equipo do GES de Padrón.
Chovía forte, unha ameaza a maiores nunha estrada xa de por si perigosa, e na que os accidentes son cousa do día a día.
"Fixen un cambio de marchas onde empezan os tres carrís, non me fixei que había xeada, virei na estrada, e aguantei o coche de milagre", conta un veciño.
"É unha estrada de moitos accidentes, ben con animais ou por saídas de vía. Hai moito tráfico. Todo o tráfico pesado que vai da zona de Pontevedra cara o Barbanza, atravesa por esta zona", engade Muñiz.
Casualmente, nese mesmo treito de curvas falecía hai algo máis de tres anos outro garda civil que saíu da vía coa moto. Os que coñecen a zona saben dos riscos.
"O maior problema é cando chove e poalla e pasan moitos camións por aquí, e soltan eses restos de aceites e residuos", advirte un condutor habitual.
"Noto que as curvas son un pouco perigosas e no inverno, cando hai mal tempo, vaise o coche", confirma outra usuaria.
No inverno, pola humidade, e no verán, polo sol.
"Cando cortan os eucaliptos da zona máis alta, cega o sol á tardiña e indo dende este lado, tamén ao amencer".
Son oito quilómetros de curvas, de subida e de baixada, na que se suceden todo tipo de sinais de advertencia de perigo. Límites de velocidade, presenza de animais, curvas pechadas... en definitiva, unha trampa na que convén levantar o pé do acelerador e pór os cinco sentidos no volante.