Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha nova intervención nos tubos das gárgolas do Hostal pretende reducir o impacto visual

Unha nova intervención nos tubos das gárgolas do Hostal pretende reducir o impacto visual

Os técnicos de Patrimonio da Xunta coordinaranse co equipo contratado por Turespaña para buscar diferentes fórmulas e escoller a "máis eficiente" desde todos os puntos de vista

A idea é actuar con celeridade e respectar o valor patrimonial da fachada do inmoble

Lavandeira jr/EFE Lavandeira jr/EFE
G24.gal 24/04/2026 15:35

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, anunciou este venres que o equipo de Patrimonio da Xunta e os arquitectos contratados para o proxecto buscarán outra fórmula para os tubos das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos coa idea de reducir o impacto visual.

Despois dunha semana de polémica en Santiago de Compostela co foco posto na praza do Obradoiro e, concretamente, nas novas lanzas metálicas das gárgolas, a Xunta reuniuse con representantes de Turespaña e o equipo arquitecto responsable da intervención para abordar posibles alternativas.

A actuación, que provocou a polémica, era "provisional", segundo os arquitectos 

Segundo explicou Ángel Miramontes, os arquitectos trasladáronlle que esta actuación tiña carácter en certo xeito "provisional", xa que querían ver como funcionaba o sistema hidrolóxico e a propia auga que erosiona a fachada.

Pola súa banda, desde a Consellería de Cultura transmitíuselles o interese de buscar outras fórmulas para ver, "sempre desde o punto de vista técnico", outros xeitos para xestionar a auga por medio das gárgolas. Un enfoque que, aseguran, tamén viron adecuado os arquitectos.

Os técnicos de Patrimonio da Xunta coordinaranse co equipo contratado por Turespaña para buscar diferentes fórmulas e escoller a "máis eficiente" desde todos os puntos de vista.

Así, o director xeral de Patrimonio explicou que se está estudando o tamaño das lanzas, a tipoloxía das gárgolas, xa que non todas son iguais, e mesmo o tipo de material que se utilizará.

Con respecto ao prazo, indicou que lles solicitaron documentación e está programado o intercambio de expedientes.

"Realmente a celeridade é prioritaria. Aquí tamén entrará en escena o Concello para os temas de licenzas, nós como responsables de protección do patrimonio cultural, e eles mesmos como promotores e executores", detallou.

"Tecnicamente a finalidade do que fixeron cúmprese, que é protexer a fachada, pero transmitímoslles que estamos no Obradoiro, que estamos na catedral, que aquí está o Concello, o reitorado, temos un valor patrimonial específico. Entón hai que facer ese esforzo de combinar eses valores técnicos, que si que están ben feitos, pero buscar outras fórmulas, para que o impacto visual se teña en conta", concluíu o director xeral de Patrimonio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade