Unha nena morreu e os pais quedaron feridos nun accidente preto de Talavera
O tren arrasou un coche que trataba de cruzar as vías nun paso a nivel sen barreiras
Un tren de pasaxeiros que circulaba pola liña Madrid-Badaxoz levou por diante un turismo que ía cruzar por un paso a nivel sen barreiras, situado na localidade toledana de Alberche, preto de Talavera de la Reina.
A nena faleceu no acto e os seus pais quedaron feridos
A violencia do choque fixo que o turismo dera varias voltas, para quedar finalmente sobre dúas rodas a varios metros do lugar do impacto. A bordo do vehículo sinistrado ía unha familia composta por tres persoas, un home de 36 anos, a súa muller, de 32, e a filla de dezaoito meses, que faleceu no acto.
Non houbo feridos entre os ocupantes do tren
O matrimonio ferido foi trasladado ao hospital de Toledo, el nun helicóptero e ela nunha ambulancia medicalizada. Eran preto das seis e media da tarde deste sábado.
Entre os 203 ocupantes do tren non houbo ningún ferido. As vías quedaron temporalmente pechadas, polo que o convoi se desprazou ata a estación de Oropesa para trasbordar os pasaxeiros.