Un veciño de Outeiro de Rei de 47 anos falece nun accidente de tráfico no Corgo
A condutora do vehículo no que viaxaba, que se foi por fóra da vía e bateu contra un noiro, está ferida grave
Un home de 47 anos e natural de Outeiro de Rei faleceu esta noite nun accidente de tráfico ocorrido no Corgo. A condutora do vehículo no que viaxaba está ferida grave. O vehículo foise por fóra da vía e acabou batendo contra un noiro.
O sinistro ocorreu no chamado "cinto comarcal" á altura da parroquia de Santa María de Marei, arredor das nove da noite. O vehículo saíu da vía nunha curva, por causas que aínda se descoñecen, e foi bater contra o noiro que delimita a estrada.
Segundo as primeiras investigacións, a consecuencia do impacto o coche rebotou para a vía e alí empezou a arder. Aínda que outros condutores conseguiron sacar do interior os dous ocupantes, a vítima que ía de copiloto, faleceu no lugar do sinistro.
Os servizos médicos certificaron a morte e os bombeiros de Sarria acabaron de sufocar as lapas do vehículo. A muller foi evacuada ao hospital de Lugo en estado grave.