Unha muller sofre feridas de consideración tras bloquearse un carro da compra en Lugo
A caída produciuse cando se bloqueou unha roda dianteira do carro
Unha muller sufriu feridas de consideración como consecuencia dun accidente que se produciu no aparcadoiro exterior dun establecemento comercial na cidade de Lugo, ao quedaren bloqueadas de súpeto as rodas dun carriño da compra.
A vítima saíu proxectada sobre o carriño e acabou no chan, segundo a información facilitada este martes pola Policía Local de Lugo.
Os axentes recibiron o aviso dun viandante que vira a muller tirada no chan e sangrando abundantemente no aparcadoiro dun establecemento comercial da cidade, na zona de Montirón.
De inmediato, unha patrulla dirixiuse ao lugar indicado e os axentes atoparon a muller ferida, que xa estaba a ser atendida por unha testemuña do accidente.
Presentaba unha “hemorraxia abundante na cella esquerda”, tiña “a pálpebra inflamada”, un hematoma “importante” e feridas no antebrazo dereito, así como un rabuñazo na perna.
Ademais, levaba postas unhas lentes que tiñan a montura rota e manchas de sangue.
Segundo lles explicou a propia afectada, a caída produciuse cando empurraba o carro baleiro para deixalo no punto de devolución. A roda dianteira, equipada cun sistema de bloqueo, “detívose de forma súbita”, de modo que provocou que “ambos caesen ao chan”, informou a Policía Local.
Ao tempo que lle colocaban uns apósitos para frear a hemorraxia, os axentes solicitaron a intervención dos servizos sanitarios de emerxencias, que se ocuparon de trasladar a vítima ao hospital, dado que non “podían descartarse outras lesións non visibles”.