Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha menor morta e tres feridos graves nunha proba de 4x4 en Asturias

Unha menor morta e tres feridos graves nunha proba de 4x4 en Asturias

As tres persoas feridas están pendentes de máis probas ata nova valoración médica

A menor falecida atopábase no interior do vehículo xunto con outro dos feridos, mentres que os outros dous homes saíran despedidos

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 24/02/2024 20:51

Unha rapaza de 15 anos morreu e tres homes quedaron feridos de gravidade este sábado nun accidente de todo terreo que participaba nunha proba non competitiva, organizada por un club de vehículos 4x4 no concello asturiano de Cangas del Narcea.

O suceso tivo lugar sobre as 14:15 horas, segundo informou a Garda Civil, cando o Range Rover que conducían se saíu dunha pista forestal que leva a Castro de Limés.

O Servizo de Emerxencias do Principado de Asturias (SAIBA) explicou que o todo terreo envorcou e caeu rodando por unha ladeira. Segundo informan as fontes, era o pai da menor falecida o que conducía o turismo sinistrado.

O Grupo de Rescate de Bombeiros de Asturias, cun helicóptero medicalizado, evacuou ao Hospital Universitario Central de Asturias a un home, mentres que outro foi trasladado a este mesmo centro na UVI Móbil da zona activada polo Servizo de Atención Médica Urxente (SAMU).

O terceiro home foi trasladado pola ambulancia e o médico de Atención Primaria de Cangas ao Hospital Carmen e Severo Ochoa. O ferido foi evacuado desde o centro hospitalario cangués ao HUCA polo equipo de rescate, a bordo da aeronave medicalizada.

As tres persoas feridas, pendentes de máis probas ata nova valoración médica, presentan un prognóstico reservado.

O Centro de Coordinación de Emerxencias recibiu un aviso que alertaba da presenza de catro persoas no interior do vehículo. Os efectivos comprobaron que dúas delas foran despedidas do interior, mentres que outras dúas, unha delas a falecida, estaba no seu interior. Os bombeiros procederán a excarcerar o corpo sen vida da falecida, tras a pertinente autorización.

Ata o lugar tamén acudiu a patrulla do Seprona de Cangas del Narcea e o equipo de Policía Xudicial e o Atestados da Garda Civil para a instrución das dilixencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar