Unha fronte moi activa deixará moita chuvia en Galicia
Haberá unha tregua o sábado para empeorar de novo a noite do domingo
Hai aviso laranxa por vento no mar entre a Costa da Morte e a costa ártabra
Meteogalicia prevé a entrada dunha fronte moi activa o venres pola costa da Coruña, que afectará tamén o interior da provincia de Pontevedra con moita chuvia.
De feito, hai aviso laranxa por vento no mar con intervalos de forza 8 entre a Costa da Morte e a costa ártabra. O aviso permanecerá ata as 9 da mañá. Prevese que na Coruña caian máis de 40 litros por metro cadrado.
No interior pontevedrés a chuvia chegará contra as 3 da madrugada e seguirá ata as 15:00 horas da tarde do venres.
A Mariña lucense tamén notará o vento e poderá haber refachos de ata 80 km/h, igual que na montaña de Lugo e de Ourense.
Á primeira hora da tarde do venres comezará un respiro que durará ata a noite do domingo, en que se agardan chuvias xeneralizadas con ascenso de temperaturas e ventos moderados do sur que poden ser máis fortes no litoral.
O sábado haberá un descenso das temperaturas mínimas e un aumento das máximas, con ceos anubrados pero sen case precipitacións e ventos frouxos.
No mes de marzo rexistrouse máis chuvia dos valores habituais e a temperatura media tamén estivo dentro dos parámetros normais do mes.