Unha exposición para comela: cinco esculturas de chocolate abren o apetito en Allariz
Legatum é unha doce colaboración que orixinou cinco esculturas de cacao sobre as distintas etapas da vida
A Fundación Vicente Risco de Allariz é toda unha celebración dos cinco sentidos ante as creacións de cinco escultores e un mestre chocolateiro. Legatum é unha doce colaboración que orixinou cinco esculturas de cacao sobre as distintas etapas da vida, con sabores e texturas evocadores de cada unha.
A idea inicial foi dun dos escultores implicados. O obradoiro de repostería tradicional Fina Rei, de Allariz, desenvolveuna ata chegar a Legatum, da man de Marcos Mosquera.
"Quixemos facer algo que tivese xa algo de concepto, de historia que contar", di Miguel Mosquera, xerente de Artesáns Reposteiros Fina Rei.
Din que Legatum é unha metáfora da vida na súa versión máis doce, baseada das esculturas de barro e metal de Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Arturo Andrade, Xosé Cid e Acisclo Novo.
Representan as etapas da vida, desde o nacemento á vellez, recreadas cada unha co seu sabor de chocolate e con recheos de orixe galega. Un traballo de catro anos.
"Entre a xeración dos moldes en como tiñan que ser e como chegar ao que queriamos, un proceso de proba-erro que nos deu moito traballo e ao mesmo tempo foi moi satisfactorio", comenta Mosquera.
Cada peza, ideada como agasallo, vai nunha caixa que propoñen reciclar como cápsula do tempo.
Legatum é unha serie limitada, dunhas 600 unidades de cada escultura.