Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha exposición celebra o centenario do Seminario de Estudos Galegos

Unha exposición celebra o centenario do Seminario de Estudos Galegos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou a mostra acompañado polo comisario, Ramón Villares 

G24.gal 04/07/2023 15:55

Un grupo de mozos entusiastas constituíu hai cen anos o Seminario de Estudos Galegos, unha institución que durante pouco máis dunha década, ata pouco despois do golpe militar de 1936, sentou as bases e plantou as sementes da investigación e a divulgación da cultura galega cunha mirada científica e internacional.

Unha exposición que se inaugurou este martes no Museo de Galicia, na Cidade da Cultura, e que se poderá visitar ata o próximo mes de xaneiro, lembra o nacemento desta institución e pecha a triloxía de mostras dedicadas a conmemorar os centenarios das Irmandades da Fala e da Xeración Nós.

'Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos. Unha institución de alta cultura', comisariada por Ramón Villares, ofrece unha mirada singular sobre a importancia desta institución que aínda que "durou pouco tempo, apenas 12 anos, deixou unha marca indeleble".

Villares destacou a vocación internacional e científica dun grupo de mozos entusiastas unidos polo amor a Galicia e á súa cultura e dispostos a traballar para afondar no seu estudo e na súa divulgación.

O obxectivo deste grupo era crear "un centro de saber", unha institución para investigar e crear un proxecto cultural e científico que acompañase un proxecto nacional, sinalou Villares, que lembrou o tempo "convulso" no que desenvolveu o seu labor: desde 1923, coa ditadura de Primo de Rivera, ata xusto despois de 1936, co golpe de Estado de Franco e a Guerra Civil, período no que Otero Pedrayo, o seu último director, recoñeceu: "Temos un defuntiño".

Tras o golpe militar moitos dirixentes do Seminario de Estudos Galegos foron "depurados, estaban fuxidos ou permaneceron inactivos", polo que a institución de vocación internacional, cultural e científica desapareceu, aínda que o seu labor en parte foi retomado "a través do Instituto Padre Sarmiento".

Villares agradeceu ao CSIC, ao Museo de Pontevedra, ao Museo do Pobo Galego e a outras institucións científicas e culturais, así como a algúns particulares, a súa colaboración para poder levar a cabo esta exposición.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, encomiou o papel de "semente" desta institución, xa que permitiu que moitos anos despois nun país ben distinto os valores da cultura galega sigan presentes e unindo os cidadáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade