Unha escolma de esculturas do Museo Tiflolóxico da ONCE permite palpar as obras en Lugo
A mostra, 'Toca madeira, alza o voo', pode visitarse ata abril no Museo Provincial lucense
A diferenza das obras que se adoitan expoñer nos museos, estas si está permitido palpalas. Son as esculturas seleccionadas para a mostra 'Toca madeira, alza o voo', que se pode visitar no Museo Provincial de Lugo. Pertencentes ao Museo Tiflolóxico da ONCE, foron realizadas tanto por artistas con discapacidade visual coma sen ela.
"Para poder tocar unha peza e que a experiencia sexa significativa, ten que ter tres tes. Ten que ter un tamaño, unha textura e unha temperatura. Non é o mesmo tocar unha madeira que tocar un metal", sinala Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.
"Por exemplo, nesta peza temos madeira, temos resina e temos metal. Entón, estamos descubrindo o tacto quente da madeira, o tacto máis frío do metal, a textura máis rugosa da resina", explica Ángeles Miguélez, invidente encargada do persoal dos catro museos da rede.
A finalidade última desta mostra é a inclusión das persoas con discapacidade visual. Por unha banda, a través da percepción da arte mediante o sentido do tacto, e por outra, a través da concienciación dos visitantes dun dos maiores museos galegos.
"É a de transmitirlle ao público a percepción que temos as persoas cegas. Saber, ao tocar calquera peza, o que podemos sentir nós. Como di esta exposicion, 'alzar o voo' é a superación de nós mesmos. E facelo a través da cultura supón un reto persoal para as persoas afiliadas", afirma Francisco Javier Farnes, director da ONCE en Lugo.
Ata o vindeiro mes de abril, as nove esculturas permanecerán expostas en Lugo tanto para ser contempladas como para ser exploradas coas xemas dos dedos.