Unha empresa da Coruña, das primeiras do país en implantar a semana laboral de catro días
Unha empresa da Coruña, das primeiras do país en implantar a semana laboral de catro días
Conseguen aumentar o rendemento sen recortes salariais nin incremento horario de luns a xoves
Unha empresa coruñesa do sector das novas tecnoloxías será unha das primeiras do país en implantar a semana laboral de catro días.
Promoven unha redución real das horas de traballo que ademais deixa tempo aos empregados para tarefas de conciliación, sen recorte salarial nin incremento horario nos días laborables.
Os empregados desta empresa da Coruña aseguran que non hai trampa na redución da semana laboral a catro xornadas, de luns a xoves, que comezaron a ensaiar a principios de febreiro.
"Tal e como a xornada de oito horas foi unha conquista social, a semana de catro días tamén debe ser unha conquista, porque non vivimos para traballar, traballamos para vivir", argumenta Iago Polo, empregado de Hack a Boss.
Con esta filosofía fan todas as pontes do ano, poden faltar o día do seu aniversario, organizar os horarios para facer surf ou ata librar para coidar a mascota.
"Eu teño un coello e se o teño que levar ao veterinario podo librar".
"Pareceume unha pasada, aínda son máis innovadores da empresa da que eu viña", explícanos entre risas unha das empregadas.
Pablo Rodríguez González, CEO, relata que acadar esta xornada de catro días semanais foi algo progresivo.
"Non todas as empresas poden, non é tan doado. Nós para chegar aos catro días fixemos tres anos de traballo previo, de flexibilidade, documentación de procesos, seleccións de perfís autónomos...".
Traballan por obxectivos, autoorganizan as tarefas e comprobaron que non diminúe a produtividade, senón todo o contrario. Pertencen a un sector esixente, onde a creatividade conta e en que é importante a motivación e manter a mente esperta e en forma.